Información
Vostede está aquí:   Inicio  /  Historia  /  Unha volta a Gidget 30 anos despois?

Unha volta a Gidget 30 anos despois?

A partir de mediados do oitenta o surf, empuxado pola recuperación económica, pasou a ser unha actividade cada vez máis popular, que experimentaba un espectacular crecemento impulsada por unha industria cada vez máis importante. Por outro seguíase mantendo a opinión, case romántica, de que a práctica do surf debía estar afastada de todo interese económico. Pero como noutras ocasións, a economía venceu ao “espírito”. En 1986 superouse por primeira vez o número de 100.000 táboas vendidas nun ano nos Estados Unidos. Ese mesmo ano Quiksilver converteuse na primeira empresa do sector en cotizar na bolsa de New York. Os campionatos de surf estendéronse por todo o mundo. No circuíto mundial o importe en premios pasou dos 500.000 dólares de 1984, a 2,1 millóns de dólares en 1990. As dúas veces campión do mundo Tom Carroll asinou con Quiksilver o primeiro contrato de máis dun millón de dólares. O surf pasou a ser portada, e a ocupar páxinas, en medios xeneralistas  como Rolling Stone, Time ou The Wall Street Journal.

Revolta en Huntington Beach no OP Pro no 1986

Para alimentar todo isto, os organizadores dos campionatos lanzáronse á procura do espectáculo: aos eventos acompañáronlles grandes montaxes, cámaras de televisión e multitudes seguindo as mangas desde a praia. Esta carreira a ningunha parte levou a que a elección de onde terían lugar eses eventos non se tomase en función da calidade das ondas, senón da posibilidade de atraer ao maior número de espectadores posible, aínda que iso significase ondas malas. As consecuencias de todo isto non tardaron en deixarse notar: moitos competidores declinaron a participar nalgúns eventos que case rozaban o cómico (no Wave Wizzard Challenge de 1984, os organizadores chegaron a alugar un foraborda coa idea de que os surfeiros surfeasen o ronsel do barco). As revoltas no OP Pro de 1986 foron a pinga que colmou o vaso: representaban un sinal claro de como o surf “oficial” afastouse completamente de moitos dos seus principios básicos.

Moitos identificaron neste crecemento exponencial, e nesta deriva, unha volta aos tempos de “Gidget”. Parecía que a historia se volvía a repetir. Se nos sesenta “Gidget” superou o ámbito cinematográfico para marcar tendencia, nos noventa este lugar ocupárono a serie “Los vigilantes de la playa” e a película “Le llaman Bodhi” (“Point Break” no seu título en inglés). Ambas  producións repetían moitos dos estereotipos lanzados sobre o surf pola industria de Hollywood trinta anos antes. “Point Break” estaba protagonizada por Patrick Swayze, no papel dun surfeiro chamado Bodhi caracterizado pola súa personalidade case mística, chea de frases feitas que parecían querer dar leccións ao espectador sobre unha “nova filosofía de vida”. No caso de “Los vigilantes de la playa”, a serie pronto se converteu no programa de televisión máis popular do mundo, e nunha xanela que levaba o “estilo de vida” de California a todos os lugares da Terra. O papel, durante 10 capítulos, de Kelly Slater como o surfeiro de Malibú “Jimmy Slade”, resultaba ser unha versión actualizada do personaxe de Moongoggie de Gidget. A “invasión” da praia impulsada pola serie tivo lugar en todo o mundo e foi similar á vivida en California nos sesenta. O surf converteuse de novo nunha moda, en parte da cultura popular. A imaxe do surf pasou a ser comercializada e explotada por moitas empresas que nada tiñan que ver co deporte.

Kelly Slater na serie “Los vigilantes de la playa”

Curiosamente esta maior “popularidade” significou un freo na creatividade das dúas décadas anteriores, e nos noventa o surf profesional e de competición impúxose no deseño das táboas, dominando o mercado táboas de medidas moi pequenas e de cantos moi finos, totalmente inapropiadas para un surfeiro normal de nivel medio.

En resposta á tendencia xeneralizada, na primeira década do século XXI xurdiu un movemento paralelo, denominado “retro-movement”, que recuperou os deseños de táboas de décadas anteriores adaptándoos aos novos tempos. O principio desta corrente era que a táboa coa que se surfea debe adaptarse ás condicións de cada momento, tendo cabida niso longboards, mid-lenghts, quads, twin-fins, táboas sen quillas, bodysurfing, … Á súa vez establecíanse lazos moi fortes entre o surf e a arte a través da pintura, a fotografía, ou o cinema. Joel Tudor posiblemente sexa o surfeiro máis representativo desta corrente, na que destacan outros como Tyler Warren, Kassia Meador, Belinda Baggs, Jarred Mell, Alex Knost, Erin Ashley, Justin Quintal, Ryan Burch, Harrison Roach, CJ Nelson, …

A industria seguiu crecendo, ano a ano. En 2005, Quiksilver era un xigante a escala mundial no mundo do téxtil, con vendas de máis de 2 billóns de dólares anuais. Pero a festa non durou até o infinito, e coa chegada da crise de 2007, a burbulla do surf, polo menos en canto a volume de vendas, desinflouse. Iso traduciuse en cuantiosas perdas, despedimentos e recortes nos orzamentos que as grandes marcas destinaran até entón ao patrocinio de eventos e surfeiros. A morte do tres veces campión do mundo Andy Irons en novembro de 2010, e as circunstancias nas que esta se produciu, só nun hotel en Dallas, supuxeron unha gran labazada para o mundo do surf: tratábase da tráxica “evidencia” dun modelo errado.

  1987  /  Historia  /  Última actualización: Novembro 3, 2017 por Administrador  / 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *