Información
Vostede está aquí:   Inicio  /  Historia  /  Unha nova xeración de surfeiros galegos

Unha nova xeración de surfeiros galegos

Un dos aspectos que máis marca a diferenza no nivel dos surfeiros entre as distintas partes do mundo, e a madurez das súas comunidades, atópase no número de xeracións do lugar que surfearon con anterioridade á actual. Sen ter en conta a Hawaii, onde o surf viu a luz hai séculos, en Estados Unidos, Australia ou Sudáfrica están nestes momentos vivindo a terceira ou cuarta xeración de surfeiros: surfeiros cuxos pais, avós e tataravós xa surfeaban. Aquí en Galicia, salvo algunhas pequenas excepcións, está a empezar a surfear a segunda xeración, polo que aínda é moito o camiño que queda por percorrer.

Milo Castelo no Pantín Classic

Aos primeiros e pequenos grupos de surfeiros que foron xurdindo en diferentes partes das nosas costas, seguíronlles a finais dos 80 unha nova xeración. Fernando Adarraga, os irmáns Torreiro, Alfonso Montenegro, Carlos Branco, Balbi Irisarri ou Luis Otero, atoparon a súa substitución en Angel Pozas, Mendiola, Víctor Iván Pombo, David Valladares, Milo Castelo, Jaji Iglesias, Pipo Dominguez, Eloy Cambón, Kiko Sequeiro, Gonzalo Casal, Pablo Irisarri, …, unha nova xeración de surfeiros que marcaron boa parte da década do noventa e principios do século XXI.

Luis Rodríguez

Pero a verdadeira eclosión do surf galego tivo lugar no ano 2002 da man de Gony Zubizarreta e Luis Rodríguez. Ambos chegan ese ano á final do Rip Curl Pro Junior de Lacanau, e Gony vence no campionato do mundo Grommet organizado pola ISA en Australia. Ambos participarían nos anos seguintes no circuíto mundial, destacando a carreira de Gony, que desde entón é un dos mellores surfeiros europeos, logrando en 2009 a súa mellor clasificación cun posto 21 no circuíto mundial. En 2016 clasificouse no posto 42, a mellor clasificación entre surfeiros do noso país. En 2009 fíxose coa vitoria no campionato de cinco estrelas de Zarautz, á que seguirían outras vitorias en probas do circuíto, as dúas últimas no ano 2017. Gony forma parte da mellor xeración de surfeiros nacido nas nosas costas. Un grupo que, seguindo os pasos de Eneko Acero, o noso primeiro surfeiro con proxección internacional, contou con figuras como Aritz Aramburu. Jonathan González, Hodei Collazo ou Pablo Gutiérrez.

Foi tamén en 2002 cando se celebrou a primeira edición de O Marisquiño. O que comezou sendo un campionato parroquial organizado por patinadores locais do skatepark do Castro en Vigo, converteuse nun dos eventos máis importantes a nivel mundial da denominada cultura urbana e e os deportes extremos. Do skatepark do Castro pasouse á Praia de Samil e de alí ao Porto de Vigo, o que fixo posible aumentar o tamaño dos circuítos e a incorporación de novas disciplinas como as motos ou o descenso. O BMX, o skateboarding, o break dance, o grafiti, a música,… son algúns dos principais ingredientes dun evento que desde a súa creación pasou de 200 a 125.000 visitantes.

 

Kako García

No ano 2004 celébrase na praia de Doniños a primeira edición do Surfusiom, organizado polo club Grosso, evento que anos máis tarde pasaría a formar parte do circuíto mundial de bodyboard. Ferrol, máis que ningunha outra área de Galicia, será o berce de grandes bodyboarders, entre os que destacaron polos seus resultados deportivos Kako García, Emilio Beceiro, Nacho García, Pichu González, Yiyi Obenza, Fernando Gómez, Brais González ou Bruno Martín (campión do mundo junior en 2017 no campionato celebrado en Sintra (Portugal)). De entre o resto de bodyboarders destacan sen dúbida as figuras de Carlos Viñas e Nicolás Neto. O Surfusiom celebrouse até o ano 2011, sendo en 2010 una das probas máis destacadas do circuíto IBA daquel ano, con deportistas da categoría do varias veces campión do mundo Mike Stewart (unha das maiores figuras da historia do surf, e cuxa firma está no libro de ouro do Concello de Ferrol), Jeff Hubbard, Ben Player, Damian King, Guilherme Tamega, Pierre Louis Costes ou Amaury Laverhne.

Portada:
Gony Zubizarreta

  2001  /  Historia  /  Última actualización: Novembro 6, 2017 por Administrador  / 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *