Información
Vostede está aquí:   Inicio  /  Historia  /  O tow-in e o surf en ondas xigantes

O tow-in e o surf en ondas xigantes

Até principios dos anos 90 existía unha barreira física que facía que algunhas ondas fosen imposibles de surfear. Non era unha cuestión de tamaño, senón máis ben de xeometría, velocidade e capacidade humana. A forza de remada que un surfeiro podía imprimir resultaba insuficiente para alcanzar a velocidade necesaria que permitía afrontar a baixada dalgunhas ondas. Esa barreira, dependendo do lugar, fixouse en ondas de máis 25-30 pés (7,5-9 metros).

Todo iso cambiou a principios do noventa cando se desenvolveu a idea de propulsar ao surfeiro desde unha embarcación a motor, inicialmente unha zodiac, e posteriormente unha moto de auga. A moto non só proporciona ao surfeiro o impulso inicial necesario para alcanzar a mesma velocidade que a onda, senón que o sitúa tamén no punto adecuado para collela. Trátase ademais dun medio que achega seguridade, facilitando a remontada e o acceso a este tipo de ondas, moitas delas situadas a varios quilómetros da costa. Tamén son fundamentais cando un surfeiro sofre unha caída, evitando, ao ser rescatado pola moto, o ter que sufrir o envite das ondas que seguen á que surfeara ou tentando surfear. Esta “innovación” permitiu romper a barreira dos 25 pés, e abriu a posibilidade de coller ondas de máis de 50 pés.

Pero a idea de que o surfeiro se apoie nunha embarcación como medio de propulsión remóntase polo menos ao ano 1963. Nun artigo na revista Surf Guide, Mike Doyle, reflexionando sobre como surfear unha onda de máis de 35 pés, deduciu que a única forma posible de facelo era que “o surfeiro puidese ser remolcado na onda por unha embarcación, tal e como o faría un esquiador acuático”. Non se ten constancia de que a idea de Doyle se probase até o ano 1974, cando o hawaiano Jim Neece empregou os mesmos medios que o esquí acuático co obxectivo de surfear en Kaena Point. Con todo as súas probas limitáronse a días con ondas pequenas, e nunca chegou a empregalo en ondas grandes. O primeiro en facelo foi o californiano Herbie Fletcher, que en 1987 remolcou a varios surfeiros, entre eles Martin Potter e Tom Carroll, un día de ondas de máis de 10 pés en Pipeline. No outono de 1991 Scott Bouchard foi remolcado en varias ondas de 12 pés nunha rompiente de Florida chamada RC’s.

Pero a invención do tow-in, tal e como o coñecemos hoxe, debe atribuírse aos hawaianos Buzzy Kerbox, Laird Hamilton, e Darrick Doerner. A finais de 1992 os tres, apoiados na zodiac de Kerbox, comezaron a surfear en Backyards, unha onda situada entre Sunset e Velzyland, na costa norte de Oahu. Uns meses máis tarde Hamilton e Kerbox mudáronse á illa de Maui, onde substituíron a zodiac por unha moto de auga. En Maui, el e varias figuras do mundo do windsurf, como Dave Kalama, Rush Randle ou Pete Cabrinha, converteron a onda de Jaws, coñecida polos hawaianos como Peahi, no laboratorio no que desenvolveron a técnica do tow-in. Os primeiros artigos sobre tow-in apareceron en 1993. En 1994 a revista Surfer incluía unha primeira reportaxe sobre Jaws, presentándoa como un “arrecife de augas profundas en Maui”. As imaxes da película “Endless Summer II” de Bruce Brown, estreada meses máis tarde, con Laird Hamilton surfeando un Jaws xigante, convertéronse na presentación ao mundo dunha nova forma de surfear, que permitía superar todos os límites até entón coñecidos. A finais de 1994 Dave Kalama surfeaba a onda até entón máis grande nunca surfeada e que superaba os 35 pés. En 1996, Sarah Gerhardt converteuse na primeira muller en surfear unha onda de máis de 15 pés. En 1998 Ken Bradshaw, en Outside Log Cabins, converteuse no primeiro en romper a barreira dos 60 pés.

A velocidade de remada deixou de ser un problema, e pronto as táboas de ondas grandes, os guns de máis de 10 pés de longo, foron substituídas por táboas moito máis pequenas, de 6’6’’ pés, con footstraps como os empregados nas táboas de windsurf, que permitían un maior control sobre todo cando a parede de onda era irregular, e trazar xiros máis pechados e precisos que os que até entón foran imposibles nas táboas de 10 pés.

Á innovación na técnica seguiulle a introdución de novos elementos como o chaleco de flotación, que permite ao surfeiro, cando está mergullado na auga, ascender de modo moi rápido á superficie, e o trineo de rescate, unha pequena plataforma de espuma de polietileno, unida á moto, que serve de axuda durante a operación de recollida do surfeiro.

Todo este proceso de evolución, non só na construción de novas táboas, senón tamén na propia técnica de coller as ondas, tivo o seu momento álxido o 17 de agosto do ano 2000, en Teahupoo, Tahití. Teahupoo fora descuberta en 1985 polos bodyboarders Mike Stewart e Ben Severson, e pronto foi recoñecida como unha das ondas máis temibles e violentas do mundo. Aquel día Laird Hamilton surfeou unha onda de 18 pés que foi denominada como “A Onda do Milenio”. O fotógrafo Jack McCoy, un dos que inmortalizou o momento, describiu a figura de Hamilton no interior daquela onda como “unha pequena partícula humana, loitando pola súa vida, e facendo o que ningún de nós imaxinou posible”.

Aquela onda, e toda a traxectoria vital de Hamilton, con logros como unha marca do mundo de velocidade en windsurf, a invención do kite-surf, o paddle surf, ou o hydrofoil, sitúano como un dos cinco surfeiros que ao longo da historia do surf foron capaces de cambiar significativamente a maneira de surfear unha onda.

Houbo con todo voces críticas a esta innovación. Para moitos o tow-in supuña unha especie de vergoña ao significado e beleza do surf, baseado na capacidade física dun home, só axudado pola súa táboa, para coller unha onda creada no océano. Trátase realmente doutro deporte? Podía seguir considerándose surf? A irrupción das motos de auga supuña ademais o uso dun medio contaminante, non só polas verteduras de combustible que se puidesen producir por un accidente das motos, senón tamén polo propio ruído e os cheiros que estas xeran, o que deu lugar a que o seu emprego se prohibise nalgúns lugares protexidos medioambientalmente como o santuario mariño da baía de Monterrey, en California, onde se atopa a onda de Maverick’s.

A onda de Maverick’s debe o seu nome ao pastor alemán dun dos surfeiros que no inverno de 1961 entraron por primeira vez a surfear nese lugar. Maverick seguiunos até o pico, e na súa honra déronlle o seu nome á onda. Pero foi un carpinteiro local, Jeff Clark, o que en 1975 comezou a surfear regularmente nela. Fíxoo en solitario durante 15 anos, até que a principios dos 90 deu a coñecer o lugar a surfeiros de Santa Cruz e San Francisco como Peter Mel, Ken Collins e Darryl “Flea” Virostko. Maverick’s alcanzou especial transcendencia a mediados da década dos 90, cando o recoñecido surfeiro de ondas grandes Mark Foo morreu afogado o 23 de decembro de 1994. En 2011, Sion Milosky corría a mesma mala sorte que Foo.

En 2011 Garrett McNamara rompeu a barreira de 70 pés en Nazaré, Portugal. A principios de 2013 o tow-in practicábase en todo o mundo, en lugares como Maverick’s e Cortes Bank en California, en Dungeons en Sudáfrica, e en varias rompientes de Europa, Australia e o Pacífico Sur. O surf volveu capturar a atención dos medios de comunicación como nunca antes na historia do deporte, con artigos no New York Times, National Geographic, e demais xornais do mundo.

O debate sobre a “ética” do tow-in seguiuse mantendo durante anos. A partir de 2011 surfeiros de ondas grandes como Greg Long, Mark Healey, Shane Dorian, Ian Walsh ou Kohl Christensen comezaron a coller ondas unicamente a remo en lugares ata entón consideradas como imposibles. Aínda que algunhas ondas, como Teahupoo ou Shipstern Bluff en Australia, aínda non foron capaces de ser dominadas unicamente a remada, a nova vangarda no surf de ondas grandes é unha volta á remada como único medio de tracción.

Portada:
Dave Kalama arrastrando a Laird Hamilton en Jaws (Backyards, North Shore, Oahu) en 1992. Foto: Tim Mckenna

  1992  /  Historia  /  Última actualización: Novembro 6, 2017 por Administrador  / 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *