Información
Vostede está aquí:   Inicio  /  Historia  /  O “surf” chega a Europa

O “surf” chega a Europa

Aínda que se teña constancia da chegada a Europa de “obxectos deslizadores” a principios do século XX, pódese afirmar que o surf, tal e como o coñecemos hoxe, chegou realmente a Europa, concretamente a Biarritz (Francia), en 1956. Nese ano, e con ocasión da rodaxe da película “The Sun Also Rises”, baseada no libro “Fiesta” de Ernest Hemingway, os californianos Peter Viertel, marido de Deborah Kerr, e Dick Zanuck, fillo do soado produtor Darryl Zanuck, viaxan a Biarritz. Dick, que era surfeiro, fixo traer a instancias de Viertel dúas táboas de surf, que foron importadas desde California coas caixas que transportaban as cámaras. Unha das táboas rompeu durante a viaxe. Cando as táboas chegaron a Europa, Zanuck que era o surfeiro do grupo, volvera a California. A aduana francesa reclamaba un 170% do valor das táboas en concepto de impostos, polo que Viertel decidiu pasalas de contrabando a través da fronteira española. Aos poucos días, e en presenza do mismísimo Hemingway, entrou á auga. Aquel primeiro baño foi un desastre, e a táboa acabou contra as rochas. Viertel confiou ao local Georges Hennebutte a súa reparación. Ao día seguinte, Hennebutte e Viertel surfearon as súas primeiras ondas en Côte des Basques.

Entre o grupo que presenciou aquela primeira experiencia surfeira estaban Arnaud de Rosnay e Jacques Rott. Rott, que desde 1952 fabricaba os chamados “plankys”, unha especie de plancha que era utilizada polos bañistas para deslizarse nas ondas, fabricou dúas replicas en madeira de balsa, de dimensións 340 x 65 x 7 cm e 25 quilos, a partir da táboa de Viertel. As táboas son estreadas na primavera de 1957 en Hossegor.

En 1958 Michel Barland, un mecánico en Bayona, lánzase á fabricación de táboas. En 1959 asóciase con Jacques Rott, que xa fabricaba as táboas Neptune, e producen nese ano as primeiras táboas en espuma de poliuretano, poliéster e fibra de vidro baixo a marca Barland-Rott. Rott gañaría o primeiro campionato de Europa de surf en 1961, e Barland o de 1962. En 1965 abríase a primeira tenda de surf en Biarritz, a prestixiosa Jo Moraiz.

Portada:
A primeira táboa de balsa traída por Peter Viertel en 1957 a Biarritz sostida por André Plumcoq (dereita). Joel de Rosnay sostén a segunda chegada en 1958.

  1956  /  Historia  /  Última actualización: Novembro 3, 2017 por Administrador  / 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *