Información
Vostede está aquí:   Home  /  Historia  /  San Onofre-Malibú

San Onofre-Malibú

Aínda que se pode afirmar que en Hawaii foi onde naceu o surf, o sur de California foi o lugar no que o surf se reinventou como deporte. Meyers Butte foi o primeiro en 1929 en comezar a construír, comercializar e anunciar táboas de surf a través da súa compañía Pacific System, creando especificamente para iso a división Swastika Surf-Board Company. Aquelas seguían sendo táboas sen quilla, de tres metros de longo, de madeira de balsa e sequoia, e de cantos paralelos e sen rocker.

Pacific System Homes de erik derman en Vimeo.

 

 

Nos anos 30, a inspiración de Duke, Freethe e Blake converteron as praias californianas de San Onofre e Malibú en incubadoras da cultura e a industria que na década dos 60 viviría unha auténtica explosión. É nesta época cando o surf chega a outros lugares do mundo como Sudáfrica ou Brasil. En 1940, Carlos Dogny introduce o surf en Perú.

San Onofre converteuse no Waikiki do continente, creándose neste lugar unha comunidade de surfeiros que desenvolveu un novo modo de vida que imitaba a cultura hawaiana.

Malibú, ao norte de Los Ángeles, foi o centro dunha nova experiencia creativa: o hot dogging, estilo que definiu o surf californiano entre os anos 50 e 60 do século XX. Dise que foi Dewey Weber o iniciador do movemento que volveu máis rápida e rechamante a forma de surfear as ondas, e que tivo en Johnny Fain e Corky Carroll a outras das súas figuras máis destacadas. Malibú foi tamén o punto de erupción da cultura surfeira. A continua chegada de famosos de Hollywood, converteron a esta praia no lugar de moda a partir do verán de 1951.

Malibu Beach: foto de Leroy Grannis

Os últimos anos da década dos 40, e todos os anos 50, foron tamén tempos nos que a construción de táboas viviu unha auténtica revolución. A partir das inquietudes e inventiva de surfeiros como Bob Simmons, Joe Quigg, Matt Kivlin e Dale Velzy desenvolvéronse novos modelos de táboas, adaptando o deseño “hot curl” ás ondas californianas. Os primeiros avances viñeron da man de Bob Simmons, que desenvolveu unha nova xeración de táboas, construídas en madeira de balsa e cubertas por unha fina capa de fibra de vidro empapada en resina. A finais dos 40, co seu amigo Joe Quigg, produciu as primeiras táboas de sandwich antes da irrupción comercial das táboas de espuma de poliuretano. Simmons fabricou tamén as primeiras táboas de dobre aleta, e experimentou con cóncavos no nose da táboa. Os pasos de Simmons foron seguidos por Matt Kivlin, quen xunto con Joe Quigg, deseñou táboas máis estreitas, delgadas e lixeiras do que ata entón era habitual en California. Os seus deseños foron precursores das táboas “Malibu Chip” desenvolvidas por Quigg. A innovación seguiu con Dale Velzy, coñecido por crear en 1955 o deseño das táboas “pig”, que se mantivo até hoxe como o modelo de longboard clásico.

Pero as innovacións non viñeron só ao lado do deseño, senón tamén dos materiais, grazas ás innovacións tecnolóxicas xurdidas tras a II Guerra Mundial. A madeira de sequoia foi substituída por madeira de balsa, e esta por espuma de poliuretano, resina e a fibra de vidro. Hobie Alter, fundador de Hobie Surfboards en 1954, desenvolveu en 1958, despois de asociarse con Gordon Clark, unha táboa de surf de espuma de poliuretano comercialmente viable. Alter e Clark non foron os primeiros en facer táboas de surf de poliuretano (este mérito recae sobre Dave Sweet, que en 1956 fabricou as primeiras táboas con este material), pero si os primeiros en lograr desenvolvelas comercialmente. A partir desa data Alter comezou a usar espuma en lugar de balsa en todas as táboas de surf Hobie. A compañía de Alter foi a líder da industria durante os próximos 12 anos, vendendo ata 6.500 táboas anualmente durante mediados dos anos 60.

  1930  /  Historia  /  Última actualización: Novembro 3, 2017 por Océano Surf Museo  / 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

This site is registered on wpml.org as a development site.