Información
Vostede está aquí:   Inicio  /  Historia  /  Rufo’s Surfboards

Rufo’s Surfboards

En 1972 Francisco “Rufino” Tizón embárcase na aventura de fabricar táboas de surf, e crea Rufo’s Surfboards no “taller” que o seu pai tiña en San Roque da Fora, nos arredores de Coruña, e que desde entón pasaría a chamarse o “chabolo de Rufo”. “Era unha construción moi humilde, con paredes de bloque de formigón e tellado de uralita, e máis ben pequeno, de  aproximadamente de 4 por 7 metros. Como te podes imaxinar aquel non era o mellor lugar, sobre todo pola humidade e os cambios de temperatura, para construír táboas de surf, pero nun principio, e durante moito tempo, foi o que tiven”.

Uns meses máis tarde apareceu pola Coruña un surfeiro surafricano que sería clave no desenvolvemento do surf en Galicia. Chamábase Darryl e era de Durban. “Contounos, -lembra Carlos Bremón – que traballaba como descargador nun mercado de froita, pero que aquela vida non lle acababa de convencer. Tras pasar unhas vacacións nas Illas Mauricio, comprouse con outro amigo un iate no Sur de Inglaterra co que se propuñan cruzar o Atlántico, pasar a Canle de Panamá, e irse a dar unhas voltas polos mares do Sur”.

Darryl

Unha avaría no temón automático do barco obrigoulles a recalar na Coruña, e o seu compañeiro tivo que volver a Inglaterra a buscar un reposto. O que en principio ía ser unha semana, prolongouse un par de meses, e ese surfeiro converteuse nunha fonte de coñecementos valiosísima para o núcleo da Coruña, transmitindo entre outra información a da técnica de construción de táboas. “El, en inglés, falábanos de “resin parafin”, e non acertabamos a saber a que se refería. Até que Rufino decatouse do que se trataba: a resina parafina. Significou para nós un dos descubrimentos máis importantes para o traballo con resinas de poliéster”.

Coa construción de táboas adecuadas, grazas aos coñecementos achegados por Darryl, chegou unha pequena explosión de practicantes na Coruña. Foi a época dourada das Rufo´s Surfboards. Co tempo Rufino converteuse no “shaper” por excelencia en Galicia, chegando mesmo a fabricar o seu propio foam.

“O proceso de traballo no taller era máis ou menos o seguinte. Os foams, unha vez expandidos, deixábaos curar entre 20 e 30 días. Antes non se podía traballar ben con el. Normalmente levábaos a curar ao patio da casa da miña nai, onde permanecían eses días. No chabolo non tiña espazo, e ademais a humidade, ou o excesivo cambio de temperatura do seu interior, non eran o ideal para o curado do foam. Pasados os 20 días aquilo tiña xa outra dureza. En función dos foams que tivese almacenados, dedicaba entre 1 e 3 días á semana a fabricar foam no chabolo cara a todo o proceso de construción das táboas”.

Tardaba aproximadamente uns tres días en fabricar unha táboa, aínda que non tres días de 8 horas laborables, xa que a parte das táboas tiña outro traballo. Ademais, tamén quería ir a surfear. Refírome a que todas as tarefas dunha táboa desenvolvíaas en tres días. O primeiro día dáballe a forma ao foam e a primeira capa de fibra. Ao día seguinte dáballe a seguinte capa, e ao terceiro os acabados”.

Naqueles primeiros anos raro foi quen en Galicia non tivo unha Rufo´s Surfboards baixo os seus pés. En total chegáronse a fabricar algo máis de 300 Rufo´s até o ano 1983, data na que pechou o taller, pero o traballo de Rufino foi clave para popularizar e estender o surf en Galicia.

  1972  /  Historia  /  Última actualización: Novembro 3, 2017 por Administrador  / 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *