Información
Vostede está aquí:   Inicio  /  Historia  /  O’Patacón

O’Patacón

Aínda que o surf sempre se considerou un deporte individual, a realidade é que ten bastante de social e comunitario. Á praia non imos só a coller ondas, senón tamén a ver aos amigos, a charlar, e a compartir os nosos problemas e alegrías. Moitas desas charlas teñen lugar na auga, por así dicilo o noso medio habitual, pero fóra dela desenvólvese tamén moita desa actividade social. Iso levou a que a historia do surf está chea de lugares icónicos, en terra firme, algún dos cales alcanzou case o mesmo nivel de protagonismo que algunhas das ondas máis coñecidas. Estes lugares foron fundamentais para crear o sentimento de comunidade entre os surfeiros dunha mesma praia ou dunha cidade, e resultan vitais para entender e coñecer a historia dese lugar. Nas orixes do surf en Galicia, algúns deses lugares especiais foron as escaleiras da praia do Orzán ou o “chabolo” de Rufino en Mar da Fora. Ambos perderon algo de protagonismo no momento en que se abriu o bar O’Patacón. E digo bar porque a Vari Caramés, un dos seus socios, nunca lle gustou chamarlle pub ao que nacera como unha aventura emprendida por tres amigos: Luís Bericua, Jose “Queimarán” e Vari Caramés.

A apertura de O´Patacón, constituíu un fito fundamental no desenvolvemento do surf na Coruña. Pronto se converteu no lugar de referencia e punto de encontro de toda a xente que se movía en torno ao surf en Coruña. “Antes de O´Patacón, -lembra Jose – como case ninguén tiña coche, o noso lugar de encontro eran sempre as escaleiras do Orzán ou o chabolo de Rufo, onde quedabamos para desde alí desprazarnos onde houbese ondas. Pero coa apertura de O´Patacón esta dinámica cambiou, e o local pasou a ser o noso lugar de encontro. Foi practicamente o berce do surf na Coruña, debido a que era o punto de referencia e de localización do mundo surfeiro na cidade. Toda a xente que viña á Coruña e quería contactar coa xente do surf tiña que ir a         O´Patacón”. Pero tamén todos os que tiñan algunha inquietude artística ou intelectual pasaban por O´Patacón, que se mantivo en pé até 1994. Foron quince anos de aventura, de intercambio e de relación coa xente que se terminaron porque o inmoble foi declarado en estado ruinoso.

  1979  /  Historia  /  Última actualización: Novembro 3, 2017 por Administrador  / 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *