Información
Vostede está aquí:   Inicio  /  Historia  /  O Océano Surf Club, Agasurf e a Federación Galega de Surf.

O Océano Surf Club, Agasurf e a Federación Galega de Surf.

A apertura de Aquasurf, e a posibilidade de acceder a material dun modo máis fácil, fixo que a comunidade de surfeiros crecese rapidamente en moi poucos anos na cidade de Ferrol, que se converteu desde entón, e até os últimos anos do século XX, no centro da cultura surf en Galicia. O aumento do número de surfeiros, e a iniciativa principal de Vicente Irisarri e Carlos Bremón, levou a que en novembro de 1987 decidísese fundar o Océano Surf Club, o primeiro club de surf de Galicia. Vicente Irisarri, Carlos Bremón, Gonzalo Barro, Carmen Aguilar e Fernando Gómez “Montalvo”, foron entre outros, os que decidiron poñelo en marcha. Durante o primeiro semestre de 1988 percórrese o difícil camiño da súa legalización administrativa, dada a inexistencia en Galicia dunha federación de surf. O que se tratase do primeiro club dunha “nova” disciplina deportiva, o surf, engadía máis dificultades nos trámites. Por fin, no comezo do verán de 1.988, a Xunta legaliza ao club dándolle o número 1.570 no rexistro de clubs deportivos de Galicia. Ao ano seguinte, na praia de Patos (Nigrán), fundaríase os Patos Surf Club, impulsado polos propietarios do taller Frus e a tenda Novalbos, con Mercedes Cela como a súa primeira presidenta.

Ao Océano Surf Club e aos Patos Surf Club seguíronlle outros por toda a costa galega, e a partir desa incipiente “estrutura”, créase o 4 de xuño de 1995 Agasurf (Asociación Galega de Surf), co obxectivo de impulsar o surf galego. Á reunión fundacional asistiron Vicente Irisarri e Carlos Bremón do Océano Surf Club, Jacobo Fernández do Lombo Longo de Foz, Tomás Bouza do Club de surf de Bastiagueiro, Chicho Torreiro do Club Matadero da Coruña, Chema Salanova e Víctor Martínez do Arealonga Surf Club de Noia, Alejandro Vázquez do Club Raz de Carballo, representantes do Costa da Morte Surf Club, Moncho Gil e Pedro Novalbos do Patos Surf Club de Nigrán. Ese mesmo ano Agasurf organiza o primeiro Circuíto Galego con probas por toda a costa galega: Razo, Sabón, Doniños, O Orzán, Foz e Patos. En surf Víctor Iván Pombo impúxose a Milo Castelo, e en bodyboard, Kako García a Nano Rodríguez. Dous anos máis tarde Agasurf se transformaría na Federación Galega de Surf.

Desde entón cinco foron os presidentes da Federación Galega de Surf: Ramón Gil (1997-2000), Juan Luis Zubizarreta (2000-2001), Coque Araujo (2001-2002 e 2008-2010), David Alfaya (2003-2008), Juan José Rodríguez Hierro (2010-2014) e Román Diez (presidente desde o 2014 ata a actualidade). Parte do equipo que compuña inicialmente a Federación Galega de Surf, con Ramón Gil e Javier Porta á cabeza, fundarían anos máis tarde a Federación Española de Surf.

O principal obxectivo da Federación é promover a práctica do surf, o bodyboard e o longboard en Galicia, a través de escolas, campionatos, clubs, cursos e por calquera outro medio que poida darse.

Desde a creación da Federación, o surf en Galicia tivo un gran desenvolvemento, que se traduciu no aumento do número de surfeiros e na proliferación de escolas e surfcamps, e empresas (tendas especializadas, talleres de fabricación de táboas, empresas de téxtil, creadores de contidos multimedia) que xeraron un sector económico que cada ano aumenta a súa actividade, valor económico e número de empregados.

  1988  /  Historia  /  Última actualización: Novembro 6, 2017 por Administrador  / 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *