Información
Vostede está aquí:   Inicio  /  Historia  /  O nacemento da industria do surf

O nacemento da industria do surf

Falar en 1970 da industria do surf era totalmente absurdo. Aínda que existían empresas que se dedicaban en exclusiva a un mercado creado arredor do surf, en termos económicos e empresariais a estrutura que existía era moi débil.  Existían empresas cunha marca e prestixio recoñecidos (Hobie, Bing, Weber, Jacobs, O’Neill, Hansen, Gordon & Smith, Noll, etc.). Pero os investimentos destas empresas para crecer e desenvolverse eran moi pequenos. Pero pronto todo cambiaría, e non precisamente en California.

Cando en 1969 o inverno chegou a Torquay, Australia, Doug Warbrick e Brian Singer comezaron a fabricar traxes de neopreno cos que protexerse do frío no vello piso de Warbrick en Zeally Bay Road. Os traxes, que se publicitaron co slogan “Made By Surfers for Surfers”, foron un éxito de vendas inmediato. Nace o Rip Curl.

En 1970, Alan Green, un empregado de Rip Curl, e John Law, abriron o seu propio negocio de téxtil baixo o nome de Quiksilver, tamén en Torquay. A primeira peza de Quiksilver foi o “boardshort”, un bañador. Como surfeiros, Green e Law propuxéronse fabricar os mellores “boardshorts” do mercado, e pronto os seus traxes de baño foron recoñecidos como tales, converténdose nun éxito de vendas.

En 1973, Gordon Merchant e a súa esposa, Rena, comezaron a producir boardshorts feitos a man na súa casa de Burleigh Heads, creando Billabong, o terceiro xigante australiano da industria do surf.

A resposta californiana a Rip Curl, Quiksilver e Billabong foi Ocean Pacific e Stubbies. Anos máis tarde, en 1978, o surfeiro surafricano Michael Tomson e Joel Cooper fundarían Gotcha. A continuación, o primo de Michael, Shaun, lanzaba a súa propia marca, Instinct.

A finais dos setenta e principios dos oitenta, a industria, até entón identificada con California, pasou a ser dominada por empresas que naceran no hemisferio Sur (Australia e Sudáfrica). Pronto, estas empresas establecéronse en California e noutras partes do mundo, dominando un mercado global que xerou millóns de dólares en vendas. En 1986, ano en que Quiksilver USA converteuse na primeira empresa do mundo do surf en saír a bolsa, a revista Time publicou un artigo sobre a industria do surf no que se estimaba que, só en Estados Unidos, a venda en téxtil do sector superara o billón de dólares.

Portada:
John ‘Sparrow’ Pyeburne (aínda en Rip Curl a día de hoxe) cortando traxes de Old Bakery

  1970  /  Historia  /  Última actualización: Novembro 3, 2017 por Administrador  / 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *