Información
Vostede está aquí:   Home  /  Historia  /  Midget Farrelly, Phil Edwards e Nat Young

Midget Farrelly, Phil Edwards e Nat Young

Toda a industria que se desenvolveu nesta década ao redor do surf (cinema, fotografía, revistas, táboas, roupa deportiva) revolucionou a relación que o surfeiro tiña co deporte. As figuras máis relevantes do momento convertéronse na imaxe de anuncios, películas e revistas. Todos querían ser protagonistas. Incluso o propio Dora participou como dobre en películas de Hollywood, como “Gidget” (1959), “Beach Party” (1963) e “Ride The Wild Surf” (1964). Tamén fixo de modelo para os anuncios da marca de Hang Ten, e promoveu a súa propia liña de táboas, modelo Da Cat, para Greg Noll Surfboards, con anuncios a páxina completa nas revistas de surf en 1966 e 1967. O surf estaba a profesionalizarse.

A profesionalización levou á competición. En California e Australia xurdiron unha lexión de surfeiros que comezaron a facerse famosos en campionatos que tiñan lugar por toda a costa. Midget Farrelly, Phil Edwards e Nat Young foron os máximos expoñentes dese cambio. Farrelly foi o primeiro non hawaiano en gañar o Makaha International Surfing en 1962, e dous anos máis tarde gañaría o primeiro campionato do mundo en Manly Beach.

O californiano Phil Edward estaba considerado en 1963 o mellor surfeiro do mundo, sendo o primeiro surfeiro profesional que cobrou por cada táboa coa súa firma. E en 1966 o australiano Nat Young, no terceiro campionato do mundo celebrado en San Diego, non só se impuxo aos seus opoñentes, senón que venceu tamén ao estilo de surfear na punta (ata 1966 o hang-ten era a manobra máis respectada e admirada) cun surf sen adornos, pero moi agresivo e rápido, desenvolvido na zona crítica da onda. A esa forma de surfear déuselle o nome de “total involvement” (compromiso total), e supuxo unha revolución total non só na maneira de enfrontarse ás ondas, senón tamén no que respecta ao deseño de táboas, iniciándose con “Magic Sam”, así se chamaba a táboa de Young, a revolución da táboa curta. “Sam” medía 9’4’’ pés, pero era relativamente fina, de cantos afiados, e levaba unha quilla deseñada por un californiano chamado George Greenough.

Portada:
Nat Young no campionato de mundo de San Diego de 1966, coa sua “Magic Sam”. Foto: Ron Stoner

  1959  /  Historia  /  Última actualización: Novembro 3, 2017 por Océano Surf Museo  / 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

This site is registered on wpml.org as a development site.