Información
Vostede está aquí:   Inicio  /  Historia  /  Kelly Slater e Andy Irons

Kelly Slater e Andy Irons

Poucos son os surfeiros que transcenderon máis aló do deporte do surf. Se houbese que citar tan só a un, sen dúbida ese sería Kelly Slater. Do once veces campión do mundo (1992, 1994 – 1998, 2005 – 2006, 2008, 2010 – 2011) pódese dicir que practicamente reinventou todo o vinculado co surf. Non só a nivel de competición, onde case ostenta todas as marcas: aos seus 11 títulos mundiais (superando os 4 de Mark Richards), habería que sumar as súas máis de 50 vitorias en campionatos do circuíto profesional (superando as 33 vitorias de Tom Curren), as súas 6 Pipe Masters, ou o lograr o título mundial con maior idade, 36 anos (o título ao campión máis novo, arrebatoullo en 2015 Gabriel Medina). Pero tal e como dixo Shaun Tomson de Slater, “a pesar de que as súas estatísticas deportivas sexan humillantes, as contribucións máis significativas de Kelly Slater ao surf veñen de fóra do mundo da competición”. Entre elas atópase o seu estilo na auga, a súa maneira de afrontar as ondas, que marcou a toda a unha xeración de surfeiros: talvez a súa postura e equilibrio sexan similares aos de Tom Curren; posiblemente nunca igualou a Curren en canto a fluidez; pero as súas pernas imprimían á táboa maior potencia, o seu corpo era máis flexible e o modo de enfocar a onda máis innovador, cunha coordinación e reflexos sorprendentes. Slater era máis rápido que calquera nas manobras, e o ángulo dos seus xiros era máis pechado e vertical.

Pero a súa influencia, como diciamos, superou o ámbito do surf, e a súa figura como deportista foi comparada coa doutros como Tiger Woods, Michael Jordan ou Roger Federer. En 2010, a Cámara de Representantes dos Estados Unidos aprobou unha resolución recoñecendo os logros deportivos de Slater. En 2009, a revista Surfer situou a Slater como o número 1 na súa lista dos “50 mellores surfeiros de todos os tempos”, xusto por diante de Duke Kahanamoku e Tom Curren.

Slater retirouse temporalmente da competición a finais de 1998, tras gañar o seu sexto título mundial. Regresou en 2002 tras a irrupción dun surfeiro dun nivel e cualidades comparables ás de Slater: Andy Irons. Nacido na illa de Kauai (Hawaii), xunto co seu irmán menor Bruce, pronto se converteu nunha das promesas do surf hawaiano, logrando a súa primeira vitoria no circuíto profesional, con só 18 anos, no HIC Pipeline Pro. Uns meses máis tarde vencería no Tahiti Pro en Teahupoo.

Irons e Slater protagonizarían durante anos una das rivalidades máis fortes da historia do surf de competición. Dous estilos e personalidades diferentes ao nivel das mellores historias do deporte, que levaban a súa rivalidade á súa propia actitude fora da auga: fronte ao carácter humilde, analítico e reservado pero carismático de Slater, expresado nos seus traxes de neopreno brancos, Irons ofrecía unha imaxe máis radical e rebelde, con notas de violencia, drogas e alcol, mostra das súas dificultades para xestionar a fama. Irons lograría os títulos de 2002, 2003 e 2004. En 2005, Slater lograría o seu sétimo título mundial, que repetiría en 2006 con Irons de segundo. Este “duelo” finalizaría en 2010 tras a morte de Andy Irons.

 

Portada:
Kelly e Andy. Foto: © Pat Stacy

  1992  /  Historia  /  Última actualización: Novembro 3, 2017 por Administrador  / 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *