Información
Vostede está aquí:   Inicio  /  Historia  /  George Freeth, Duke Kahanamoku e o nacemento do surf moderno

George Freeth, Duke Kahanamoku e o nacemento do surf moderno

Dúas das persoas sobre as que London fala no seu artigo sobre Hawaii, serían dúas das figuras máis influentes da historia do surf de principios do século XX.

O primeiro deles, o escritor, fotógrafo e editor Alexander Hume Ford, fundou en Waikiki, en maio de 1908, o primeiro club de surf, o Outrigger Canoe and Surfboard Club, co obxectivo de “desenvolver o gran deporte do surfing en Hawaii”. En 1915 o Outrigger contaba con 1.200 membros.

O segundo, George Freeth, hawaiano de orixe irlandesa, e que impresionou a London pola súa habilidade sobre as ondas, foi convidado en 1907 polos magnates de Los Ángeles, Henry Huntington e Abbot Kinney, para facer exhibicións de surf nas ondas de Redondo Beach. Freeth foi presentado como “o home que podía andar sobre a auga”, e o éxito das exhibicións foi tal, que pronto os californianos sentiron que se lles abría un novo mundo por descubrir, con epicentro nas súas praias e a súa costa.

Durante os primeiros anos do novo século os vínculos entre turismo e surf creceron exponencialmente. O surf converteuse na carta de presentación das Illas, e os gobernantes e empresarios recoñeceron rapidamente o valor que a imaxe do surf tiña para os seus intereses. Foi tal o impacto, que o surf pasou a ser unha moda: en Hawaii centos de “haoles” (estranxeiros) chegados do continente aprendían a facer surf da man de surfeiros locais, que adoitaban traballar para os hoteis, e que pasaron a ser coñecidos como “beachboys”.

Como resposta a esta situación, que moitos hawaianos vían como unha aliñación da súa propia cultura, en 1908 fundouse o club Hui Nalu, “Club das Ondas” en hawaiano, o primeiro fundado por nativos. Durante anos a rivalidade entre o Outrigger e o Hui Nalu foi manifesta. O labor do Hui Nalu foi fundamental para o rexurdir do surf nas illas pero subliñando o pasado e tradicións propias de Hawaii.

Duke Kahanamoku (1890-1968), un dos membros fundadores do club Hui Nalu, foi a figura que finalmente expandiu o surf polo mundo. Campión olímpico de natación en 1912 e 1920, medallista nos de 1924, é considerado como o pai do surf moderno. Duke cambiou a imaxe que a sociedade tiña sobre o surf, que até entón non era considerado nin tan sequera un deporte. Duke fíxoo ademais accesible ao gran público.

Duke Kahanamoku

Tras a súa medalla de ouro nos Xogos de Estocolmo de 1912, xirou por Europa facendo demostracións de natación, o que lle levou a converterse nun ídolo de masas. Estas xiras continuaron por Estados Unidos. Nunha das súas paradas na Costa Este, en Atlantic City, e non se sabe como, conseguiu unha táboa de surf, coa que colleu unhas ondas. Tamén fixo bodysurf en Nova York. A mediados de xullo deu unha demostración de surf para máis de mil persoas en Long Beach, California.

En 1914 Duke viaxa a Australia, un país abraiado durante eses anos pola natación, coa aureola de ser o mellor nadador do mundo. O paso de Duke por Australia foi máis aló das súas exhibicións de surf. Pacientemente ensinou a varios locais a técnica de surfear e como construír as súas propias táboas, o que supuxo a introdución definitiva do surf no continente austral tras inicios puntuais en lugares como Manly, onde a prensa local, e entre os anos 1909 e 1914, fíxose eco da chegada das primeiras táboas de surf importadas desde Hawaii, entre outros por Charles Paterson.

The Salt Lake tribune. (Salt Lake City, Utah), 02 Feb. 1913. Chronicling America: Historic American Newspapers. Lib. of Congress. <http://chroniclingamerica.loc.gov/lccn/sn83045396/1913-02-02/ed-1/seq-34/>

  1907  /  Historia  /  Última actualización: Novembro 3, 2017 por Administrador  /  Tags: ,

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *