Información
Vostede está aquí:   Inicio  /  Historia  /  A escaseza de material e Sudáfrica

A escaseza de material e Sudáfrica

Táboas, traxes, inventos, até unha simple pastilla de parafina, eran bens apreciadísimos e moi escasos durante os anos setenta e oitenta. Para resolver este problema existían só dúas alternativas: viaxar e desprazarse a Cantabria, o País Vasco ou Francia en busca dun deses prezados dispositivos; ou cando os recursos económicos non permitían viaxar, botarlle man ao enxeño e a imaxinación e optar pola fabricación propia.

Rufino, e as suas Rufo’s  Surfboards, resolveron boa parte destes problemas, pero as referencias para fabricar táboas cada vez mellores eran moi escasas. Xogaron un importante papel as fotografías que esporadicamente aparecían nalgunha publicación, e en particular os artigos publicados na versión en castelán da revista americana Mecánica Popular.

Cos anos xurdiu outra importante fonte de subministración: os “guiris”. A finais dos setenta e principios dos oitenta comezaron a aparecer os primeiros estranxeiros que de forma máis ou menos usual viñan a surfear a Galicia, traendo consigo as súas táboas, e moitas veces tamén os últimos adiantos en deseños e formas. Era por iso que, cando a comunidade de surfeiros detectaba a chegada dun grupo de estranxeiros ás nosas praias, o primeiro que se facía era establecer contacto con eles para ver que táboas traían e se algunha estaba á venda. O mesmo pasaba con traxes, inventos ou parafina. Outros como os irmáns Irisarri, grazas ao traballo dun dos irmáns na empresa Pescanova, lograban que barcos que ían faenar a Sudáfrica volvesen a Galicia, ademais de con o seu cargamento de peixe conxelado, coas primeiras Ben Aipa, Simon Anderson, Lightning Bolt ou Mark Richards que se viron en Galicia, das cales Rufino adicábase a sacar copias case exactas.

“Viaxar a Sudáfrica, cando até entón o noso contacto coa cultura e o mundo do surf era case de ouvidas, foi penetrarse nun mundo totalmente novo para min, e tamén para o resto dos meus irmáns, – conta José Irisarri. Existía toda unha comunidade establecida ao redor del. E con tendas e facilidades para facerse con material! Así que desde aquela primeira viaxe comecei a traer táboas. Para guiarnos nas compras tomabamos as nosas referencias da revista Surfer. E non era sinxelo. As viaxes a Sudáfrica coincidiron cun momento no que no mundo do surf estaba a vivirse unha auténtica revolución en canto a formas, volumes e acabados. Eran os anos do apartheid, polo que o rand surafricano estaba baratísimo, o que nos permitía arriscar nas compras. Ademais se algunha táboa non nos convencía, había aquí unha demanda o suficientemente ampla como para poder desfacerse dela sen problemas.

Naqueles anos vivimos en directo toda a evolución que se xerou ao redor das táboas de surf. Os cambios que nun principio seguiamos a distancia a través dos artigos que se publicaban na revista Surfer, pasaron a ocorrer ante nós grazas ás novidades traídas desde Sudáfrica. Lembramos por exemplo a polémica na que Mark Richards se negaba a aceptar o thruster, de tres quillas, de Simon Anderson. E recordo tamén a Shaun Tomson que se negaba a recoñecer que co twin-fin se surfeaba mellor que cun single, xa que dicía que cunha táboa de dúas quillas non se podía entubar.

Vivímolo tan en directo que, por exemplo, se en novembro de 1981 Simon Anderson gañaba o Pipe Masters cun thruster, en marzo de 1982 Jose traía a Vigo o primeiro tri-fin que tivemos”.

  1980  /  Historia  /  Última actualización: Novembro 3, 2017 por Administrador  / 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *