Información
Vostede está aquí:   Inicio  /  Historia  /  O capitán Cook e o escuro século XIX

O capitán Cook e o escuro século XIX

Até non hai moitos anos, críase que a primeira descrición que un occidental realizara da actividade do surf era obra dun membro da tripulación do HMS Resolution, barco da mariña británica capitaneado por James Cook. Esa descrición apareceu publicada en “Unha Viaxe ao Océano Pacífico”. Talvez por iso durante moito tempo atribuíuse a súa autoría ao soado mariño británico. Pero a descrición foi obra de William Anderson, o cirurxián do Resolution, e foi escrita en Tahití, onde o Resolution recalou entre o 12 de agosto e o 30 de setembro de 1777, na terceira das viaxes transpacíficas de Cook.

Porén, no ano 2006, descubriuse unha referencia anterior, incluída nos diarios de Joseph Banks, botánico do HMB Endeavour durante a primeira viaxe transpacífica de Cook, nun escrito sobre a baía de Matavai, en Tahití, datado o 28 de maio de 1769.

A chegada de Cook a Hawaii, en xaneiro do ano 1778, coincidiu coa celebración do festival Makahiki, en honra de Lono, o deus da terra. A aparición de Cook foi interpretada polos hawaianos como a chegada do propio deus, polo que tanto el como a súa tripulación foron recibidos e tratados cos maiores das honras durante as tres semanas que permaneceron na illa.

Este é o primeiro gravado coñecido dun home nunha táboa de surf, realizado a partir dun bosquexo debuxado en 1778 durante a terceira viaxe do Capitán Cook ao Pacífico. A figura que rema na esquina inferior esquerda diríxese a outros hawaianos para atoparse cos barcos de Cook en Kealakekua Bay.

Meses despois da súa primeira estancia, Cook regresou a Hawaii. Porén, posiblemente tras descubrir os hawaianos que Cook non era Lono, foi recibido de modo hostil. A tensión concluíu coa orde de Cook de reter ao rei Kalaniopu’u ou como refén tras o roubo dunha barca por parte duns nativos. A decisión desproporcionada motivou un enfrontamento cos hawaianos que terminou coa morte de varios nativos a disparos dos ingleses, e a posterior morte de Cook.

O violento final de Cook foi premonitorio do futuro posterior das illas, que a principios do século XIX, e en concreto a partir de 1820 coa chegada dos primeiros misioneiros calvinistas, iniciou unha triste etapa para a súa cultura tras a imposición das formas de vida occidentais na sociedade hawaiana, que supuxo, durante o século XIX, a desintegración da cultura e a sociedade hawaiana. As enfermidades traídas polos “occidentais” minguaron unha poboación que en 1890 só contaba con 40.000 nativos. Estímase que máis de 400.000 hawaianos sucumbiron a virus e bacterias traídos por americanos e europeos. Practicamente todas as táboas da época desapareceron. A máis antiga pódese ver no Museo Bishop de Honolulu. Pertenceu ao xefe Paki, e está datada nos anos 30 do século XIX.

Esta época foi coñecida como a Idade Escura do surf. Non só descendeu o número de surfeiros, senón que tamén a habilidade dos insulares para coller ondas. “Os antigos surfeiros”, recolle un relato da época, “diranlle que ningún da xeración actual ten a habilidade e a coraxe mostrados polos seus antepasados”.

Recentes estudos, como os realizados polos historiadores hawaianos Isaiah Helekunihi Walker, na súa obra “Waves of Resistance”, e John Clark, en “Hawaiian Surfriding. Traditions for the past”, destacan como durante eses anos os hawaianos nativos atoparon no surf o refuxio, a autonomía e a identidade que lles negaban os novos costumes impostos polos europeos, sendo o surf a principal vía de resistencia á invasión colonial sufrida durante o século XIX.

Portada:
Emile Bayard: “Jeux Havaiens”, (Hawaianos jugando), 1873.

  1778  /  Historia  /  Última actualización: Novembro 3, 2017 por Administrador  / 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *