Información
Vostede está aquí:   Inicio  /  Historia  /  Aquasurf, a primeira tenda de surf de Galicia

Aquasurf, a primeira tenda de surf de Galicia

A evolución do surf, e a súa difusión, estivo ligada dun modo moi íntimo aos talleres e tendas nas que se fabricaban e vendían as táboas e demais accesorios necesarios para a súa práctica. Durante moitos anos, talleres e “surfshops” foron como unha especie de “templos” aos que se acudía non só para admirar as táboas que alí estaban expostas para a súa venda. Eran tamén o lugar que servía de nexo de unión entre o surf local e o surf que se desenvolvía no resto do mundo. As tendas eran como unha especie de foco receptor e emisor de noticias, e onde acudíase non só a mirar, senón tamén a escoitar e aprender.

Con todo as tendas de surf non chegaron a Galicia até finais dos anos 80, concretamente até 1986, coa apertura en Ferrol de Aquasurf. Antes da chegada das primeiras tendas, o mercado do surf reducíase en Galicia a compra/venda de material de segunda man que tiña lugar na mesma praia, principalmente a xente de fóra que viña a surfear aquí. Pero tamén a través de viaxes “comerciais” nos que se traían de “importación”, desde o País Vasco ou Cantabria, táboas, camisetas, traxes de baño, … . Durante moitos anos, a tenda máis próxima foi “Tablas” en Xixón, a case 4 horas en coche.

Co obxectivo de cubrir esta demanda, polo menos no sur de Galicia, en 1986 Kike Lago e Pedro Piníes abren o taller de táboas Frus. Estaba xusto encima do Pico de Patos, e naquelas datas era un dos poucos talleres que existían en España. Polo taller pasaron varios shapers brasileiros, entre eles Paolo Araujo. Frus estivo a funcionar uns 8 anos. Venderon táboas por toda España, e laminando para outras marcas máis coñecidas do mercado francés.

Pero dalgún modo todo esto comezou a cambiar en 1986, cando Carlos Bremón e Laly Ortega abren Aquasurf en Ferrol, a primeira surfshop galega. A tenda abriuse na Rúa María, no barrio da Magdalena, nun pequeno baixo.

A Aquasurf seguiríanlle outras tendas, que aos poucos foron abrindo nos principais núcleos de Galicia. No 1988 Juan Chedas abría Yuyuba en Santiago. En 1989 Nano Couto Kowabunga en Ferrol. Ese mesmo ano fundábase Tropic en Pontevedra e Novalbos en Vigo, a única das primeiras tendas de surf galegas que aínda hoxe permanece aberta. En 1991 abríase Okena en Coruña, uns poucos meses máis tarde que Duke. A estas seguiríanlle decenas de tendas, practicamente una en cada pobo da costa de Galicia.

Co tempo, e salvo en determinadas tendas, foise perdendo ese enfoque social e divulgativo das primeiras surfshops, tomando cada vez máis forza a visión puramente comercial, até o punto de que moitas destas tendas apenas se diferencian das outras, salvo porque a parte de roupa,  tamén venden táboas de surf.

 

 

  1986  /  Historia  /  Última actualización: Novembro 6, 2017 por Administrador  / 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *