Información
Vostede está aquí:   Inicio  /  Historia  /  A chegada do thruster

A chegada do thruster

En 1967 Steve Lis moldeou un kneeboard cunha cola cun dobre “pin”, colocando en esta dúas quillas. Creaba así a cola tipo “fish”, que supuxo toda unha revolución en canto a manexabilidade.

Steve Lis en 1973, cun dos seus deseños de Fish. Foto: Bolster

En 1970 Mike Eaton combinaba o concepto twin-fin cunha cola cadrada. En 1972 os irmáns Campbell desenvolven o concepto bonzer de tres quillas, formado por unha aleta central, máis dúas pequenas quillas laterais de base ancha e silueta triangular, e cunha forma cóncava no espazo entre quillas. En 1975 o shaper hawaiano Ben Aipa crea o “stinger” mediante un recorte no canto da táboa preto da súa popa. O “stinger” é adaptado en 1977 ao concepto twin-fin por Mark Richards e Dick Brewer. Xuntos crearon un novo concepto de fish, cunha base en V e unhas quillas montadas sobre unha cola máis estreita. Coa súa recreación do deseño twin-fin, Mark Richards converteuse no número un indiscutible, facéndose con catro títulos mundiais consecutivos entre os anos 1979 e 1982. Só o australiano Cheyne Horan parecía plantarlle cara: quedou segundo nos anos 1979, 1980 e 1981.

Mark Richards con as suas twin-fins

Durante os anos gloriosos de Richards, outro surfeiro australiano, Simon Anderson, loitaba por facerse un oco no circuíto mundial: terminou 15º en 1979 e 6º en 1980. Richards resultaba imparable, e Anderson comezou a pensar en como vencerlle modificando o deseño das súas táboas. En outubro de 1980, observou como un surfeiro de Narrabeen, Frank Williams, colocara unha pequena aleta de media lúa preto da cola da súa táboa de dobre quilla a modo de estabilizador. Inspirado, Anderson “shapeou” inmediatamente unha táboa de cola cadrada con tres aletas do mesmo tamaño, pero máis pequenas que as usadas nun twin-fin. Chamou ao seu novo deseño “thruster”, e con el presentouse no campionato de Bells Beach de 1981, onde logrou a vitoria. Terminou a tempada gañando o Pipeline Masters. Pero Anderson non competiu en aproximadamente un terzo dos eventos de 1981, polo que terminou no sexto posto.

A chegada das táboas de 3 quillas supuxo un verdadeiro cambio no surf de competición. Todos os surfeiros profesionais adaptaron rapidamente o modelo de tres quillas, que pronto se converteu no estándar da época, sobre todo tras a retirada da competición de Richards en 1982 tras gañar o seu cuarto título consecutivo. O cetro de Richards foi herdado por Tom Carroll, que se fixo cos dous títulos seguintes, até a aparición de Tom Curren.

Curren, fillo de Pat Curren, un dos protagonistas da primeira sesión en Waimea Bay en 1957, comezara a principios dos 80 a abrirse camiño no surf non profesional. Antes mesmo de gañar o seu primeiro título mundial no ano 1986, Curren xa era o surfeiro máis famoso dos oitenta. En 1987 volveu gañar, casou e retirouse durante un par de anos. Volveu ao circuíto para gañar de novo en 1990. O diferente en Tom Curren era todo. A pesar de ser fillo dunha lenda do surf, a pesar da súa personalidade tranquila nunha época no que o que reinaba era a ostentosiedade, e a pesar da súa modestia, subiu todo o máis alto. Ao facelo, redeseñou o surf, creando un estilo que se baseaba no respecto polo pasado, pero que incorporaba unha audaz vontade de redefinir o presente mirando ao futuro. O seu compromiso co surf e a sociedade foi máis aló das revistas e os campionatos. Durante os anos do apartheid foi enérxico no seu boicot persoal a Sudáfrica. En 1990 fundou Surfrider Foundation Europe, e “atreveuse” a surfear sen logotipos de patrocinadores. Tras a súa retirada a principios dos noventa converteuse nunha figura respectada e un estilista admirado en todo o mundo.

En 1986, os campionatos nacionais de surf de Estados Unidos celebráronse en Florida. Un descoñecido local, chamado Kelly Slater, gañaba o seu primeiro título nacional na categoría de infantís.

Portada:
Anderson en Narrabeen (Australia) e unha “thruster”, 1981. Photo: Divine.

  1980  /  Historia  /  Última actualización: Novembro 3, 2017 por Administrador  / 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *